Eurozone

Alternativas? Unhas cantas…

0 comentarios

O acrónimo Tina ⎯There is no alternative, non hai alternativa en inglés⎯ é xa un vello coñecido dos británicos que comeza a facerse dolorosamente familiar no resto de Europa. Margaret Thatcher invocouno con frecuencia durante os anos 80, cando puxo en práctica a súa política de recortes e desmantelamento do estado de benestar do Reino Unido; hoxe, en España, Grecia, Portugal… escoitamos este lema case a diario, como xustificación aos continuos recortes de dereitos e salarios. Pero, é isto certo? De verdade non hai máis opcións que recortar? De verdade só nos queda a posibilidade de competir á baixa na economía de mercado? De verdade o comunismo na súa versión soviética, cubana ou ben chinesa foi a única alternativa que, de todos os xeitos, só funcionou un tempo, antes de fracasar?
En realidade, ao longo da historia xorderon unha chea de propostas que caen en terra de ninguén. Sorprendentemente, algunhas delas, que hoxe consideraríamos pouco menos que revolucionarias foron adoptadas na práctica. Mesmo un dos adalides do pensamento neoliberal, Milton Friedman, fixo a súa aportación neste campo.

Salario Básico
O salario básico é un soldo que se lles paga a todos os individuos, sen requisito de que traballen e independentemente do seu patrimonio.  Cada un é libre de completalo, se quere, con outros ingresos.
O premio Nobel James Meade propuxo un dividendo social que proviría do rendemento dos activos produtivos públicos. Un exemplo deste sistema é o caso de Alaska, onde os dividendos xerados pola explotación dos xacementos petrolíferos se reparten entre a población. O salario básico consérvase aínda que a persoa conte cun emprego, de xeito que fai posible dedicarse a traballos agradables, pero pouco rendibles economicamente, así como innovar e arriscarse con novos negocios, coa tranquilidade de ter uns ingresos mínimos garantidos.


Salario Garantido
O Salario Garantido consiste en que a cada individuo se lle garanten uns ingresos mínimos. No momento en que os ingresos dunha persoa caen por debaixo dunha cantidade determinada, esta recibe un complemento ata acadar este nivel mínimo, mentres que cando cando supera ese nivel deixa de cobrar. O máximo expoñente deste sistema foi Robert Theobald, que pretendeu dar unha solución á progresiva automatización do traballo e substitución dos empregados por máquinas desvinculando os ingresos do traballo. Richard Nixon adoptou esta rpoposta como parte do ornamento do seu Plano de Asistencia Nacional, que foi logo rexeitado no Senado.

Imposto Negativo Sobre a Renda
O que máis chama a atención desta proposta é que foi formulada por Milton Friedman, coñecido integrante da Escola de Chicago e defensor das políticas neoliberais. É parecida ao salario garantido, e consiste nun complemento que o goberno paga, por medio do sistema fiscal, aos que baixan dun determinado nivel de ingresos.

Cartos Selados
Silvio Gesell foi un comerciante e economista autodidacta alemán. Gesell pensaba que os cartos estaban ben como medio de cambio, pero que con frecuencia se utiliza como instrumento de poder. A diferenza das mercadorías, os cartos non se deterioran, e pódense almacenar por períodos indefinidos de tempo, cobrar intereses por eles e usalos para especular.

Para estimular a circulación natural da riqueza, Gesell propuxo un sistema de cartos perdían valor co tempo, ao igual que a riqueza material real, co que se eliminarían as distorsións no sistema causadas polo atesouramento e a usura.

A teoría de Gesell púxose en práctica con éxito na vila austríaca de Wörgl durante a depresión, nos anos 1932 e 1933. Michael Unterguggenberger, o alcalde, que coñecera as teorías de Gesell a través da revista Der Physiokrat, decidiu emitir para a cidade unha moedas especiais validadas por un selo. Cada mes, os que as posuían debían pagar unha taxa polo 1% do seu valor, o que obrigaba a gastalas o máis rápido posible. Este sistema resultou nun rápido incremento da riqueza real e un aumento da recadación municipal, e pronto apareceron novas casas, un novo sistema de auga, rúas pavimentadas e mesmo xente que pagaba os seus impostos antes de tempo. Porén, o selo moeda de Wörgl morreu de éxito: cando centos de poboacións austríacas decidiron imitar o sistema, o Banco Central prohibiu a emisión de divisas alternativas.

A Taxa Tobin
Probablemente unha das propostas máis coñecidas, reivindicada por moitas asociacións críticas co sistema, é a taxa Tobin, nomeada así en honor a James Tobin, premio Nobel de Economía no 1981. Consciente dos efectos cada vez máis prexudiciais da especulación, propuxo a imposición dunha taxa sobre as operacións de divisas para por “area nas rodas” do mercado financeiro internacional e controlar así a excesiva volatilidade das divisas. Ademais, os cartos recadados mediante esta taxa pódense destinar a fines sociais e medioambientais.

Parte desta información está extraída da Guía do Economista Inconformista, elaborada polo editor e articulista Brian Dean. Se queres lela pódelo facer aquí.

Comentarios

Vaia! Aínda non hai ningún comentario, fai ti o primeiro!

O teu comentario