Chévere, coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, convocou un concurso público de ideas para deseñar e executar o espazo escénico da nova produción da compañía, titulada Eurozone. As relacións entre teatro e arquitectura adoitan limitarse aos edificios que acollen as representacións escénicas. Pero en realidade teatro e arquitectura son disciplinas que comparten problemas conceptuais semellantes e ambas teñen como misión crear un espazo. A colaboración entre profesionais do teatro e da arquitectura tampouco é frecuente, e menos en Galicia. Un tempo de crise económica, recortes en cultura e parálise da actividade construtora como o que estamos vivindo pode ser unha boa oportunidade para abrir un proceso de diálogo entre linguaxes e provocar sinerxias entre profesionais co fin de actuar xuntos e reforzar a actividade creadora.
Como expresión do seu compromiso con este obxectivo, o grupo de teatro Chévere propuxo que o espazo escénico do novo espectáculo da compañía fose o resultado dun traballo feito en colaboración entre profesionais do teatro e da arquitectura. Por esta razón solicitou a participación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia ao obxecto de convocar un concurso de ideas para o deseño do espazo escénico da obra Eurozoone, segundo as características e premisas que se especifican nas bases publicadas no web do COAG: http://www.coag.es/profesion/concursos/chevere/
Este concurso representa non só o achegamento entre o mundo da arquitectura e o do teatro, senón que é un compromiso con procedementos abertos e transparentes que promovan a máxima responsabilidade no uso do diñeiro público, neste caso obtido vía subvención da Xunta de Galicia para a produción dunha obra de teatro. E faise para dar exemplo ás propias administracións e entidades públicas, que moitas veces non actúan coa mesma transparencia nin polo interese xeral, como volve ser habitual nas unidades de produción escénica da Xunta.
Ademais, o éxito do concurso é evidente xa pola alta participación acadada: 32 propostas procedentes de toda Galicia, de distintos puntos do estado español e máis Portugal. A calidade dos traballos, a variedade de solucións aportadas e o grao de elaboración son elementos que o xurado e a compañía valorou moi positivamente. E despois de moitas horas de análise e debate, a proposta gañadora é a que se presentou co lema "Every 'dog' has its day", da que resultou ser autor Javier Domingo Ballestín, un arquitecto de Zaragoza que propón unha escaleira mecániza como símbolo deses non-lugares sen identidade do capitalismo globalizado, un obxecto frío e impactante coa indubidable capacidade para evocar un gran repertorio de espazos distintos e válidos no imaxiario de calquera tipo de público. Ademais, outorgáronse dúas mencións especiais ás propostas tituladas "Atraco Perfecto" (do equipo dirixido por Jorge García Anta xunto a Fernando Eiroa Lorenzo e Xavier Barral Fernández) e "Naipes" (de Alberto López Porta).
O noso agradecemento ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e á súa xunta directiva polo seu apoio, interese e complicidade. Este tipo de sinerxias deben ser a base para ampliar a comunicación entre os distintos sectores creativos da cultura e un referente para o traballo colaborativo neste momento de crise e transformación do sistema.
O thriller é un xénero que se caracteriza por poñer ao servizo da intriga principal todos os elementos narrativos, técnicos e dramáticos co fin de xerar unha constante expectativa no público. É unha extensión do xénero de suspense que desenvolveu a capacidade de integrar e solapar outros subxéneros. Para manter a incertidume anímase a participar mentalmente ao espectador na resolución da trama, para o que moitas veces se lle facilita unha información habilmente dosificada e mesmo manipulada. O motivo máis espectacular do thriller é a aparición de numerosas hipóteses posibles para resolver os interrogantes formulados na trama.
Os personaxes de Reservoir Dogs son matóns profesionais ou ladróns. Ese é seu traballo, fanno cada mañá, todos os días. Para eles ir dar unha malleira a alguén é só o traballo diario. Tarantino recolle estes arquetipos do cine negro que xa temos visto milleiros de veces e os coloca nunha situación da vida cotián, amosando as súas conversas máis irrelevantes.
Se mudamos matóns/ladróns por políticos/banqueiros, xente que cada día ordena desafiuzamentos, amnistías fiscais, recortes educativos, privatizacións de hospitais... Entón estaremos no punto de partida deste traballo.
Establecer un diálogo entre a nosa peza e Reservoir Dogs, contar ao público cales poden ser os paralelismos entre os personaxes de Reservoir Dogs e os principais líderes político-económicos de Europa, esas persoas que están decidindo desde un despacho o noso futuro.
Quen é o señor azul da política europea? Quen é o señor marrón das finanzas? Quen é o señor branco da diplomacia?